Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, a xogadores e técnicos: “Hai unha cidade e unha afección detrás de vós. Aí estaremos”. Facendo bo o slogan municipal que loce na bancada de Marathón do estadio ABANCA-RIAZOR “Coruña, unha cidade contigo”, o primeiro dos coruñeses quixo trasladar esa mensaxe a todo o equipo nas instalacións do Club en Abegondo.

Coas cámaras dos medios de comunicación como testemuñas directas, Xulio Ferreiro, transmitiu aos futbolistas e técnicos do Deportivo o apoio da cidade neste tramo decisivo de competición, nos últimos 10 partidos de LaLiga Santander.

Para iso, o rexedor coruñés baixou ao vestiario de Abegondo, acompañado polo presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, e por boa parte do Consello de Administración; ademais do concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, José Manuel Sande.

Tomou a palabra en primeiro lugar Tino Fernández, quen presentou a xogadores e técnicos ao “primeiro dos coruñeses, que é o noso alcalde. Ademais do seu papel institucional, el é do Deportivo, afeccionado, socio, acode a ver os partidos coa súa xente á súa bancada, e accionista, por tanto é un deses máis de 25.000 donos que ten o Deportivo”.

Asegura que “para nós é unha honra, unha alegría atender algo que sae da súa iniciativa e nós acollemos con alegría, como estar aquí connosco nun momento complicado, pero do que pensamos saír todos xuntos, todos unidos. E coa súa presenza, o seu testemuño transmitirnos esa imaxe, ese alento, esa positividade que necesitamos, que temos pero que ás veces non hai que dar todo por suposto”.

Por este motivo, “agradecemos recibir esa palabra, esa palmada, ese alento que diga ‘seguimos aquí’ agora que estás fodido, non cando estás ben”.

Aproveitou Tino Fernández para lanzar tres mensaxes ao vestiario: “Primeiro traballo. O traballo trae premio. Sigamos traballando, forte, intenso. O traballo é clave para ter éxito. Sen traballo non hai éxito sustentable. Pode haber éxitos puntuais, pero non éxito de verdade. Imos seguir traballando.

A ilusión tamén xoga para ter éxito. Manteñamos a ilusión. A mesma ilusión que ten o alcalde. Vén aquí porque ten ilusión, porque quere ao Deportivo. Cre que podemos saír, quere que salgamos.

Non imos ter versión ningún de nós, calquera de vós, eu… tristes, enfadados, apesadumbrados, encabuxados co compañeiro. Imos ter mellor versión alegres, contentos, animando ao outro, ao que está comigo. Traballando alegre con intensidade, con responsabilidade, con enerxía. Temos que gañar, temos que presionar pero sempre en ton positivo”.

Lembrou finalmente o presidente deportivista que “quedan 10 partidos. Quedan moitos puntos. Cando cheguei ao Deportivo estabamos en Segunda División, despois dun descenso após unha temporada moi parecida a esta. Estabamos moi parecido en puntos ao que tiñamos hoxe. Naquel momento saíu, foi capaz de remontar, puxémonos fóra de postos do descenso. Cando faltaban 2 xornadas levabamos 4 ou 5 puntos ao último, que ao final se salvou, que é ademais o noso veciño. Entramos na última xornada fóra do descanso, xogamos o partido 38 fóra do descenso. E non nos salvamos”.

Extrae Tino Fernández esta conclusión: “Nin descendemos por perder en Girona nin nos imos a salvar por gañar ás Palmas. Ímonos a salvar por facer unha chea de puntos en todas as xornadas que veñen a partir de agora. Non perdamos iso de vista. Quedan moitos puntos, quedan moitos partidos”.

Xulio Ferreiro, tomou a palabra a continuación, En primeiro lugar fixo alusión a “o que significa o Dépor para a nosa cidade, a historia do Dépor, o que significa a camiseta que levades, o que significa o escudo, o que significa para a vida diaria de moitísimos coruñeses e coruñesas; e a miña tamén. Non son só 100 anos de historia. Non só foi épocas onde era un orgullo e segue sendo un orgullo ir polo mundo e dicir que un non era do Real Madrid ou do Barça e dicir que era do Dépor. E que pelexaba por eles non só en igualdade de condicións, senón vencéndoos. É o que temos dentro os coruñeses e coruñesas, e os deportivistas e as deportivistas”.

Asegurou ao cadro o rexedor coruñés que “esta afección sempre estivo co equipo. O ano que descendemos a Segunda División había máis socios que en Primeira División. A afección vai estar co equipo sempre que o equipo lle dea algo. Nestes momentos hai enfado, depresión, desgusto por parte de moitos; pero a pouco que lle deades, vai estar aí. E estamos a desexar estar aí. Este sábado temos unha oportunidade para cambiar o chip, a dinámica. Está nas vosas mans. Temos a confianza de que así poida ser. Desde o minuto 1 que lle deades un xiro a ésto, que a xente vexa que siga habendo esperanza, a xente vai estar. A xente vai estar aí”.

Recalcou que “A Coruña non pide que se gañe todos os partidos, nin sequera que xogue ben. Simplemente compromiso. O sábado é unha magnífica oportunidade e xa veredes que a pouquiño que lle deades á afección, a afección vai responder. Hai unha cidade detrás de vós, hai unha afección detrás de vós. Aí estaremos”.

Comentarios en Facebook